Friday 17 de May de 2024

A Fundación Deporte Galego convoca as axudas Galicia-Río 2016


A actuación enmárcase no habitual plan de axudas á preparación dos deportistas galegos de alto nivel e, nesta primeira fase, terá como beneficiarios/as aos/ás deportistas galegos/as que acaden a clasificación para os Xogos Olímpicos/Paralímpicos de Río 2016

A Fundación Deporte Galego vén de convocar hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, a primeira fase das axudas a deportistas galegos/as de alto nivel, baixo a denominación de Axudas Galicia – Río 2016.

Como en exercicios anteriores, a Fundación Deporte Galego está a desenvolver un plan de axudas aos deportistas galegos/as que están a competir no máis alto nivel deportivo de ámbito estatal, europeo e mundial, cunha liña específica para aqueles/as deportistas que acadaron a súa clasificación para os XXOO/XXPP de Río 2016, que se celebrarán neste exercicio.

Inclúese, tamén, a liña de axudas a deportistas galegos/as de alto nivel (DGAN) que vén concedendo a Fundación no seu obxecto de promoción do deporte de alto nivel da Comunidade Autónoma, orientada ao resto de deportistas recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte como deportistas galegos/as de alto nivel na última listaxe publicada, que non reúnan os requisitos para ser beneficiarios/as da primeira fase anteriormente citada e acrediten oficialmente estar a competir no alto nivel deportivo estatal e internacional, liña esta última que se convocará ao longo deste exercicio 2016.

Nesta primeira fase, establécense tres tipos de “Axudas Galicia-Río 2016”: a Axuda Galicia-Río 1 dotada con 12.000 euros, a Axuda Galicia-Río 2, dotada con 9.000 euros e a Axuda Galicia-Río 3 dotada con 6.000 euros.

Segundo as bases dispoñibles na sede da Fundación Deporte Galego e na web deporte.xunta.gal, o prazo de presentación das solicitudes desta primeira fase, comezará a contar dende o seguinte día da publicación do anuncio destas bases no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberto permanentemente ata a data en que rematen os XXOO/XXPP de Río 2016.